Saturday 11 de May de 2024

Ordes secunda as demandas do Parlamento de Galicia para garantir o mantemento e o futuro do sector primario


Trátase dunha serie de medidas en relación co proceso de regularización catastral. No pleno tamén se aprobou o regulamento da canceira e a constitución do consorcio local para a xestión da Vía Verde

O Concello de Ordes arrancou o seu pleno cunha declaración institucional en contra da expulsión de refuxiados tras o acordo asinado recentemente entre a UE e Turquía. A dita declaración ten como punto de partida a moción presentada polo PSOE en base a este tema. No texto esíxese “o cumprimento dos acordos internacionais en materia de dereitos humanos e dereito de asilo especificamente”.

Todos os grupos tiveron a ben aprobar o novo regulamento da canceira municipal Segunda Oportunidade, cuxo principal obxectivo é a política de sacrificio cero grazas á promoción da adopción. Todo isto dotando as instalacións das condicións e equipamentos necesarios para o benestar dos exemplares acollidos. Agás a abstención do PSOE todos os demais partidos tamén estiveron de acordo nas condicións postas para o servizo de lacería, recollida, aloxamento e controis de animais domésticos abandonados. As tarifas para a adopción serán de 50 €, 120 € para o depósito dun can e 60 € por cada exemplar no caso de que se trate dunha camada. Ademais tamén se ofrecen os servizos de desparasitación (10 €), colocación de microchips (30 €), estancias temporais (4,15 € día), vacinas (17 €) ou recollida na vía pública (30 €).

Por outra banda a constitución do consorcio local para a xestión, promoción e mantemento da Vía Verde a Compostela cos concellos de Santiago, Oroso, Tordoia e Cerceda acadou a unanimidade.

Novamente todos os membros da corporación alzaron as súas mans para sacar adiante unha medida para manter a estabilidade e o futuro do sector primario. Trátase do acordo aprobado polo Parlamento Galego sobre as demandas formuladas ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas en relación co proceso de regularización catastral da Comunidade. Reclámase unha moratoria para poder valorar as peculiaridades e idiosincrasia dos concellos galegos, aumentar as exencións na súa tributación, establecer fórmulas de colaboración e asesoramento aos municipios a través da FEGAMP, a exención da taxa prevista no proceso de regularización catastral 2013-16 e a devolución das xa ingresadas e a bonificación do 95% da cota íntegra do IBI das construcións indispensables para a actividade agraria, gandeira e forestal.

Becas deportivas
Seguindo a quenda de mocións o PSOE instou a destinar unha partida específica dos orzamentos municipais para a concesión de axudas económicas directas e nominativas a equipos e deportistas concretos. Unha demanda compartida por todos, incluído o PP, pero cuxa redacción do texto levou ao equipo de Goberno a ter que rexeitala “por expor unha acusación velada de que o Concello de Ordes non aplica unha política de fomento ao deporte”. O alcalde, Martínez Sanjurjo, argumentou a súa postura en incrementos orzamentarios do 25% e 20% dos que se beneficiaron as escolas municipais de fútbol sala (4.000 € en total), e hóckey e fútbol (15.000 € en total). Sanjurjo tamén avanzou a creación de bolsas específicas para aqueles deportistas locais que destaquen polos seus resultados e precisen destas axudas. Estas achegas serán concretadas ao longo das vindeiras semanas en canto se presenten os novos orzamentos.

Os socialistas tamén solicitaron instar á Consellería de Educación para a paralización inmediata do calendario de aplicación da LOMCE e a supresión das avaliacións (reválidas) de 3º e 6º de Educación Primaria. Unha derrogación inviable ao tratarse dunha lei orgánica que non conta cun marco normativo polo que poida ser substituído. Por parte de UxO a lei foi cualificada de “clasista” e de relegar a actividade dos consellos escolares a “funcións meramente contemplativas”. En base a isto a edil de Educación, Susana García, resaltou que “se trata dun tema sobre o que a corporación local non ten capacidade de actuación e que, ademais, se está a debater paralelamente no Parlamento que é quen ten potestade para poder facer cambios”. En referencia ás axudas e xestión dos centros concertados García contextualizou a súa creación na época de goberno de Felipe González. Rexeitou tamén a masificación de aulas e que os libros non se puidesen obter de xeito gratuíto.

Próximo debate
Pola súa banda o BNG tratou de modificar, sen éxito, o tipo impositivo do IBI para os vindeiros anos. Concretamente reclamaba un descenso progresivo ata o ano 2019. No caso dos bens en zona urbana e rústica irían do 0,56% actual ata o 0,504% e 0,51% respectivamente. No caso dos bens de características especiais o tipo manteríase invariable no 1,30%. A moción só foi apoiada polo PSOE, absténdose UxO e votando en contra o PP. Martínez Sanjurjo reafirmouse na conxelación actual da taxa, acordo alcanzado en sesión plenaria tras unha moción presentada tamén polo BNG. O alcalde salientou o risco de proxectos e investimentos ao non poder cofinanciar subvencións concedidas por outros entes ao acadar unha rebaixa a tan longo prazo. Aínda así mostrou a predisposición do Goberno Local a reducir este gravame, debate que postergou ata que “polo menos teñamos pechado un exercicio xa que tan só levamos nove meses escasos á fronte do Concello”, solicitou.

Información errónea
Na quenda dos rogos déronse explicacións da avaría que nestes momentos afecta á fonte de Esmorís e do seguimento e actuación por parte do Concello, a cal está moi limitada por ser competencia de Augas de Galicia. Tamén se rexeitou a instalación de cámaras de vixilancia no cemiterio do Outeiro, na parroquia de Poulo, cuxa titularidade non corresponde ao Concello. Con respecto ao suposto roubo de lápidas acontecido recentemente Susana García, informou que se trata dunha información errónea. Según a concelleira o último caso deste tipo rexistrouse no ano 2011 e foron os mesmos veciños e propietarios quenes se encargaron e repoñer o extraído.

Avanzouse que a finais de abril está previsto que se executen as actuacións pendentes na sinalización vertical, horizontal e o pintado de prazas de aparcamento destinadas a persoas con diversidade funcional. Tamén que tras a visita do xefe territorial ao CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o pasado xaneiro, este verán prevese executar as obras no centro que inclúen cambios de fiestras e recolocación de espazos para dotalas de maior funcionalidade. Unha medida coa que se corrixirán inconvenientes como as filtracións de augas padecidas recentemente nas aulas de infantil.

Por parte do Concello tamén se compartiu a advertencia dos nacionalistas da necesidade de limpar as parcelas traseiras ás edificacións do Campo da Feira.Tamén se atendeu a solicitude de novos puntos de luz na travesía do Regueiro e a colocación de sinais e indicativos en diversas vías.